Friday 03 de May de 2024

A Xunta inciará este luns novos traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas das provincias da Coruña e de Ourense


― Actuarase na AC-523, no municipio coruñés da Laracha, e na estrada OU-531, ao seu paso polos concellos ourensáns de Vilar de Santos e Xinzo de Limia

― Continuarase cos labores na autovía AG-64, no concello coruñés de Narón

― Proseguirán as tarefas en execución na provincia de Ourense na OU-533, nos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; na OU-540, na cidade de Ourense; e na OU-801, en Ribadavia

― Seguirase coas limpezas das marxes das estradas LU-541 e LU-111, nos municipios lucenses de Vilaba e Rábade; na LU-540, ao seu paso por Viveiro; e na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte e en Chantada

― Tamén seguirán os traballos na PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra

A Xunta iniciará este luns novos traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas das provincias da Coruña e de Ourense, e continuará coas tarefas xa en marcha das últimas semanas.

Nesta semana que entra comezarán na provincia da Coruña os traballos de limpeza e roza na AC-523, no municipio da Laracha; e na provincia de Ourense iniciaranse novas tarefas de roza na estrada OU-531, ao seu paso por Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

En paralelo ao inicio destas novas actuacións, a Xunta proseguirá coas intervencións que está a desenvolver na autovía AG-64, no municipio coruñés de Narón.

Na provincia de Ourense proseguirán os traballos na estrada OU-533, no seu percorrido polos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; na OU-540, na cidade de Ourense; e na OU-801, ao seu paso polo concello de Ribadavia.

No caso da provincia de Lugo continuarase cos labores en execución na estrada LU-541 e LU-111, nos municipios lucenses de Vilaba e Rábade; coas tarefas que se están a desenvolver na LU-540, ao seu paso polo municipio lucense de Viveiro; e tamén cos traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte e en Chantada.

Ademais, na provincia de Pontevedra proseguiranse os traballos en execución na estrada PO-531 ao seu paso polos municipios de Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.

Estas actuación impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos realizados eliminan árbores que poderían caer á vía en caso de temporal e evitan que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da vía animais como os xabarís.

Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas da súa titularidade.

O departamento de Infraestruturas da Xunta iniciou o pasado mes de xullo estes labores, tras renovar coa empresa pública Seaga o contrato para acometer tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia.